Santiago de Compostela




Santiago de Compostela declárase municipio libre de desafiuzamentos

·         A medida aprobarase este xoves no Pleno Municipal
·         As persoas afectadas e os colectivos sociais da cidade celebran unha iniciativa histórica

Santiago de Compostela, 25 de novembro.- Desde o vindeiro xoves 29, a cidade de Santiago de Compostela declararase oficialmente “Municipio libre de desafiuzamentos”, segundo acordou o Concello desta localidade, cuxos membros se implicarán directamente nos casos para evitar que as familias sexan desaloxadas das súas vivendas.

O acordo municipal implica unha serie de medidas a nivel local que permitirán frear calquera tipo de desafiuzamento que as entidades bancarias pretendan executar sobre familias que, castigadas pola crise e en situacións económicas insostibles, non poidan facer fronte ao pago das súas hipotecas. O alcalde de Compostela, Angel Currás, indicou que o Concello que lidera “amosa o seu rexeitamento ao feito de que calquera familia da cidade, por mor da crise económica, poida ser desafiuzada”. Asegurou tamén que “o equipo de goberno estará en primeira liña defendendo o dereito á vivenda dos cidadáns afectados”.

A portavoz do PP de Santiago, Paula Prado, destacou “a humanidade que sempre moveu as decisións do alcalde”, así como a súa “fiel defensa” da cidade e dos seus habitantes. Prado, quen é titular tamén da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, afirmou que “en calquera situación de ameaza por parte dunha entidade bancaria a familias castigadas por unha crise que non provocaron, atoparanse coa oposición e resistencia do propio equipo de Goberno. A nosa obriga non é outra que a de protexer os dereitos humanos na nosa localidade, e os casos de desafiuzamento son unha violación flagrante dos mesmos”.

Afectadas-os e colectivos sociais convidan a unha celebración popular

Quen mais se alegra da aprobación do novo “status” de cidade libre de desafiuzamentos son, claro está, as propias persoas afectadas, que ven salvada a súa vivenda tras pasar en moitas ocasións por auténticos calvarios. “Non pensabamos que isto fora posible, pero grazas á loita, á boa fe que demostrou o noso equipo de goberno e á colaboración das entidades bancarias, moitas persoas imos poder continuar coa nosa vida, libres desa ameaza suprema que é quedar sen un teito”, conta X.C.R, unha das afortunadas que se beneficiará do programa municipal.

Diversas personalidades manifestan o seu apoio e felicitan ao Concello

Alberto Núñez Feijóo foi dos primeiros en felicitar ao consistorio compostelán por “saber aparcar as diferencias” e atopar unha solución consensuada entre tódolos partidos que gobernan na cidade. En declaracións aos xornalistas, o presidente da Xunta sostivo que a situación económica de moitos españois require “política con maiúsculas”, e que en Santiago materializouse.

Tamén en Génova houbo reaccións a esta radical e inesperada medida. A secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, recordou que España foi no seu momento, grazas en parte a decisións como esta, “un modelo de recuperación económica”. Ao seu xuízo, iniciativas así contribúen a mellorar a nosa imaxe exterior, xa que son proba “do potencial e a capacidade de recuperación que ten España”.

“O noso país ten as multinacionais máis importantes en moitos ámbitos, é a cuarta economía da zona euro, a quinta da UE, que logrou importantisimos avances no pasado, exemplo dunha transición democrática como non a houbo en ningún outro lugar do mundo”. Nunha actitude esperanzadora e positiva, visiblemente satisfeita, a destacada popular sinalou que “España ten moitas cousas das que presumir, e o drama das familias desafiuzadas non encaixaba neste contexto”.

Pola súa banda, o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, declarou a súa satisfacción por ver atendidas e asumidas as políticas que levaba tempo tentando sacar adiante para acabar definitivamente “con esta lacra que atenta contra os dereitos humanos máis elementais”. Destaca a valentía do equipo de Goberno, “cuxo cometido non é outro máis que o de velar porque as institucións respecten escrupulosamente os dereitos que nos asisten”.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, coñecido pola súa implicación nesta problemática e a asistencia que presta asiduamente ás familias afectadas, declarou pouco despois de coñecer a boa nova, e en compañía precisamente dos que dende agora serán responsables de facer cumprir as medidas que se van aprobar, que era imposible “eludir a responsabilidade ante os graves problemas sociais que, mais alá dos procesos e mecanismos económicos, movidos a veces por unha especulación inmoral, deben resolverse cun compromiso ético e moral”. Apelou tamén ao “espírito de xustiza” e a “non poñer o beneficio económico por enriba do ben da persoa humana, nin o éxito individual por enriba da solidariedade”. 

Na súa carta pastoral máis recente, centrada no tema dos desafiuzamentos, Monseñor Barrio escribía que  “no medio do desvalemento económico provocado pola desorde moral, o medo condiciona os diferentes aspectos da nosa vida, e a crise está repercutindo de maneira dramática sobre as persoas  familias con menos posibilidades”.

Nun xesto sen precedentes, o dignatario puxo a disposición da comisión especial as vivendas baleiras que a Igrexa mantén na capital de Galicia para seren utilizadas por aquelas familias xa desafiuzadas e sen alternativa habitacional, a cambio dun pequeno alugueiro que non supere nunca o 20% dos ingresos da familia.

As entidades financeiras coincidiron en sinalar que o desafiuzamento é sempre a última opción, e amosáronse esperanzadas por ver os resultados desta iniciativa para poder trasladala ao resto de comunidades autónomas. 




20/04/2012O Banco Santander acepta a dación en pago para Susana grazas á presión popular.

Susana recibiu por debaixo da porta, unha notificación xudicial informándoa de que poucos días despois se procedería á poxa da súa vivenda. O procedemento de aviso fíxose de forma totalmente irregular, pois as notificacións xudiciais deben ser entregadas alo menos 20 días antes de que se efectúe a poxa, e neste caso non se respectou ese prazo ademais do cal non se acreditou que Susana recibise a notificación. Demostrando unha vez máis a indefensión que soportamos a cidadanía ante o atropelo dos nosos dereitos por parte dos bancos e a pasividade das institucións que deberían velar por nós e estar ao noso servizo.

Foi entón cando Susana se puxo en contacto con StopDesahucios. Comezamos as accións encamiñadas a encontrar unha solución xusta para ela e a súa familia. Dende un primeiro momento actuamos tanto acompañando a Susana no proceso de negociación co banco, coma facendo un chamamento á cidadanía informando do caso e invitando a sumarse e colaborar exercendo presión social á porta da entidade; tamén acudimos ao xulgado para que paralizasen a poxa por defecto de forma e prazo. O 17 de xaneiro conseguimos parar o procedemento de desafiuzamento contra Susana, veciña de Vite, grazas á presión social exercida fronte o banco Santander.

Tras varias negociacións posteriores, Susana, a semana pasada, asinou un acordo de dación en pagamento: en outubro terá que abandonar a súa vivenda pero saldará a súa débeda co banco, o que demostra que hai solucións e que estas solucións pasan pola unión de todos e todas contra o abuso dos bancos e a neglixencia das institucións.

Está claro que a solidariedade, a mobilización e o apoio mutuo poden cambiar a actitude das entidades bancarias e xulgados.

Xunt@s Podemos!!


21/03/2012
A dación en pagamento. ¿Un decreto que aumenta a desprotección?

Interesante artigo de ATTAC Madrid sobre o decreto-lei de medidas urxentes de protección de debedores hipotecarios sen recursos. En liñas xerais considera que este decreto non protexe á cidadanía:

- Os requisitos esixidos para poder ser beneficiarios das medidas son extremadamente restritivos. Toda a unidade familiar debe estar no paro. Déixase fóra a todas as familias desafiuzadas anteriormente e con débeda para toda a súa vida.

- As persoas avalistas tamén deben cumprir estes requisitos. Deixa sen protección aos avais cruzados

- A tipoloxía de vivendas é arbitraria. Compostela, onde o prezo da vivenda é similar ao de calquera gran cidade e en moitos casos superior, entra na mesma escala que calquera pequena vila.

- Supón un vehículo para a axilización de poxas notariais acurtándose todos os prazos para a adxudicación das vivendas ás entidades financeiras

- Non se inclúe a ningunha asociación ou grupo en defensa de persoas hipotecadas para a supervisión deste "código de boas prácticas". A adhesión a este código elimina a imposición legal e falta transparencia á hora da cal a cidadanía saiba a cantas familias vai afectar, sospeitándose que son moi poucas. Este decreto-lei é completamente inútil para garantir o dereito á vivenda.

http://www.attac.es/2012/03/19/dacion-en-pago-un-decreto-que-aumenta-la-desproteccion-de-la-ciudadania/


15/03/2012
Os grupos municipais do PSOE e do BNG trasladaron ao pleno celebrado o 23 de febreiro a moción da plataforma Stop Desahucios Compostela. O voto do BNG e do PSOE foi favorábel á iniciativa có mesmo texto, que entrou a debate no pleno, e contou có voto negativo do PP. Según nos indican, o PP quixo transaccionar o texto e eliminar un punto da iniciativa, pero como rebaixaba o contido da mesma, o BNG e o PSOE solicitaron que se mantivese a petición íntegra. Tal como se recollerá na acta da sesión plenaria, o PP votou en contra, pese aos comentarios que fixo Paula Prado en Twitter.





17/01/2012
¡Suspendida a subasta do piso de Susana de Vite a instancias de Stop Desahucios Compostela! Hoxe ás 9:00 da mañá acompañamos a Susana ó xulgado e solicitamos a paralización da subasta que se ía a executar ás 10:30. Ó mesmo tempo, concentrámonos fora da sucursal do Banco Santander da Praza de Galicia para denunciar o caso públicamente. O Banco Santander pretendeu facer un desahucio express pasándose a lei polo forro, e o xulgado deunos a razón ó indicarlles as irregularidades de forma no proceso. Xunt@s podemos!

Entrevista en Radio Obradorio y Radio Nacional el 22 de Diciembre de 2011



O igual que outros concellos (en Galicia: Cambre, Tui, Oleiros, Moaña, Coruña…) aprobaron unha moción de apoio á cidadanía en situación de desafiuzamento ou de risco del, imos solicitar que o noso concello faga o mesmo. Esta solicitude farase o día 20 de decembro de 2011 ás 12:00 a través do rexistro do concello e intentarase falar na busca de apoios, cos distintos grupos municipais
(Máis informa...ción en: http://afectadosporlahipoteca.wordpress.com/mociones-ayuntamientos/)
Accións previstas:
Solicitude o 20 de decembro ó concello de Santiago de Compostela para que adopte os seguintes acordos:

Primeiro.- Pedir ao Goberno central que, tal e como vén propondo a Plataforma de Afectados pola Hipoteca e outras organizacións sociais, aprobe unha modificación da regulación hipotecaria que inclúa a figura da dación en pago, de maneira que, nos casos de residencia habitual, se o banco executa a hipoteca e queda coa vivenda, a totalidade da débeda (principal, máis intereses e costas xudiciais) quede liquidada, tal e como sucede noutros países da UE ou en EEUU.

Segundo.- Instar ao Goberno a aprobar unha moratoria ou implantar as medidas necesarias para paralizar os desafiuzamentos das familias en situación de insolvencia sobrevinda e involuntaria. Para os miles de desafiuzamentos xa producidos, que se aproben con carácter de urxencia medidas destinadas a que os miles de pisos baleiros que están acumulando as entidades financeiras como consecuencia deses embargos sexan postos inmediatamente a disposición das familias desafiuzadas e sen recursos en réxime de aluguer social, non superando nunca o 30% da renda familiar dispoñible.

Terceiro.- Máis aló das medidas de competencia estatal, estudar as medidas a emprender a nivel municipal para paralizar os desafiuzamentos, creando unha comisión especial mixta na que participen representantes do pleno municipal e das asociacións de afectados, veciñais e outras organizacións sociais coñecedoras da problemática. O obxectivo principal de devandita comisión será buscar alternativas que eviten os desafiuzamentos por motivos económicos. Nos casos que non sexa posible, garantir o realoxo digno das familias afectadas.

Cuarto.- Dar traslado destes acordos ao Consello de Ministros, e en especial ao Ministerio de Economía e ao Ministerio de Xustiza, así como aos grupos parlamentarios do Congreso e o Senado, ao Parlamento Autonómico, á Plataforma de Afectados pola Hipoteca e ás asociacións veciñais do municipio.


No hay comentarios:

Publicar un comentario